Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

 PROGRAMACIÓN CULTURAL VERÁN: XULLO 2020

 PROGRAMACIÓN CULTURAL VERÁN: XULLO 2020

A celebración do Día da diversidade sexual, a dinamización de feiras e a celebración de espectáculos para público infantil e adulto enchen o mes de xullo.

 

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido pola concelleira Aurora Varela, dá a coñecer o programa de actividades para este verán comezando coas que se desenvolverán no mes de xullo.

A situación actual provocada pola pandemia da Covid-19 fixo que este departamento replantexara as actividades que dende hai meses se levaban preparando para os meses estivais, adaptándoas á nova normalidade e aos protocolos que se establecen dende a Xunta de Galicia.

A actividade cultural do mes de xullo arrinca o venres 3 coa conmemoración do Día da diversidade sexual cunha actividade que complementa o programa provincial impulsado pola Deputación da Coruña. Neste caso, o Concello organiza un cinefórum coa proxección da curta titulada “Trala porta” protagonizada pola actriz arzuá Lidia Veiga. Despois do visionado terá lugar un coloquio moderado polo técnico de cultura Marcos Pampín no que participarán Lidia Veiga, o director Alejandro Rodríguez e o público asistente. Esta cita terá lugar na Aula 3 do Multiusos Terra do Queixo ás 20:00h.

A animación das feiras de xullo e agosto será outro dos puntais deste programa contando con actuacións itinerantes para evitar aglomeracións e ao mesmo tempo dinamizar o propio mercado, as rúas e prazas da vila. Estas correrán a cargo de grupos de música tradicional tanto locais como de concellos da contorna. Na feira do mércores 8 de xullo actuará O Bringuelo e na do 22 Os Santiaguiños de Boimorto.

O venres 24 celebrarase a véspera do Día de Galicia cun gran espectáculo que mestura teatro, títeres e música nunha montaxe de ambientación medieval sobre o Camiño de Santiago titulada “A viaxe de Saira” que terá lugar no Multiusos Terra do Queixo ás 20:00h.

No mesmo escenario celebrarase o domingo 26 a decimoterceira edición de Arzúa Viva. A situación actual impide que se poida celebrar como de costume con obradoiros, actividades de aventura, inchables, etc. Por iso, o Departamento de Cultura dalle un novo enfoque a este evento programando unha xornada con varias actuacións de escenario para todos os públicos. Participarán Pablísimo cun contacontos infantil, Pakolas cun concerto para público familiar e Paula Carballeira que trairá un monólogo para público mozo e adulto.

Por último, o xoves 30 de xullo dará comezo un novo Ciclo de música ra rúa “En aberto” co primeiro dos catro concertos ao aire libre que acollerá a Praza de Galiza. Falúa será o grupo encargado de abrir esta edición cunha proposta folk con pezas galegas, portuguesas e brasileiras.

Como novidade, este ano apostarase por combinar a programación presencial coa dixital coa emisión online en directo de varios dos espectáculos programados a través da páxina de Facebook do Departamento de Cultura. No mes de xullo os espectáculos elixidos para estas retransmisións son os concertos de Pakolas o día 26 e Falúa o 30.

A programación de verán continuará nos meses de agosto e setembro e todas as actividades serán de entrada gratuíta e cumprirán coas medidas vixentes de hixiene, protección e control de aforamento.

 

PROGRAMACIÓN:

🔹 Venres 3. Día da Diversidade Sexual: Cinefórum “Trala Porta” con Lidia Veiga (actriz) e Alejandro Rodríguez (director). Aula 3 do Multiusos Terra do Queixo | 20:00

🔹 Mércores 8. Música na feira: O Bringuelo. Multiusos Terra do Queixo e rúas | 12:00

🔹 Mércores 22. Música na feira: Santiaguiños de Boimorto. Multiusos Terra do Queixo e rúas | 12:00

🔹 Venres 24. Espectáculo de teatro e música “A viaxe de Saira”. Multiusos Terra do Queixo | 20:00

🔹 Domingo 26. Arzúa Viva
17:00 Os contos de Pablisimo «O paroleiro» (espectáculo infantil)
18:30 Pakolas en concerto (espectáculo familiar) 🎥
20:00 Monólogo de Paula Carballeira (mocidade e público adulto)
Multiusos Terra do Queixo

🔹 Xoves 30. Ciclo de música na rúa “En Aberto”: Falúa. Praza de Galiza | 21:00 (En caso de mal tempo: Multiusos Terra do Queixo) 🎥

▪️Programación con continuidade nos meses de agosto e setembro
▪️Garantiranse as medidas vixentes de hixiene e protección
▪️Emisión online en directo dos espectáculos indicados 🎥 (facebook.com/culturaconcelloarzua)

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email